Monday 29 de April de 2024

O Concello presenta en Madrid a programación municipal da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, que porá en valor o vínculo do artista coa Coruña


A programación de actividades, composta por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, desenvólvese desde febreiro na cidade, e continuará ata o vindeiro mes de decembro

O Concello da Coruña amosou este mércores, en Madrid, a programación municipal que se está a desenvolver no contexto do 50º aniversario do pasamento do artista Pablo Picasso, unha iniciativa que se leva a cabo en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte, e coa que o Goberno de Inés Rey busca reivindicar A Coruña como capital picassiana.

A exposición das actividades tivo lugar hoxe na segunda sesión do Comité de Cooperación Interinstitucional creado ao abeiro da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, comité a escala nacional no que está representado o Concello, que comezou a mediados de decembro a súa programación específica, coincidindo co vixésimo aniversario da apertura da Casa Museo Picasso, un espazo situado na rúa Paio Gómez e que foi a casa familiar do artista durante os seus anos na cidade.

Neste sentido, a Casa Museo Picasso acolle, ata abril e tamén de agosto a outubro, a exposición ‘Abrindo a nosa colección’, que amosa documentos e obras que forman parte da colección e arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa.

Ademais, a partir do 28 de abril, e no contexto da programación do Encontro Mundial do Humorismo 2023, levarase a cabo a mostra ‘O Guernika, unha viñeta universal – Humor na escuridade’. Por último, a exposición ‘A miña casa’ estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica en homenaxe a Pablo Picasso.

A rehabilitación da Casa Museo Pablo Picasso

A Casa Museo Picasso abriu as súas portas no ano 2002, co obxectivo de contribuír á divulgación da figura do artista e, moi concretamente, do seu vencello coa cidade. Picasso residiu na Coruña dende os 9 aos 13 anos, unha etapa clave na súa formación como artista.

Durante a súa estadía foi estudante na Escola de Artes e Oficios, onde comezou a desenvolver a súa rama creativa con obras iniciais conservadas hoxe na Casa Museo.

Neste sentido, o Concello da Coruña ten previsto concretar este ano 2023 a rehabilitación do primeiro andar da Casa Museo, ampliándoo coa idea de crear un centro de interpretación do artista. Este espazo, ademais, servirá para continuar co plan de acollida do material artístico de Picasso nos seus anos de vida

O calendario de actividades da ‘Celebración Picasso 1973-2023’

A programación municipal da ‘Celebración Picasso 1973-2023’ está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se están a desenvolver desde febreiro na cidade, ata o vindeiro mes de decembro.

En paralelo á exposición ‘Picasso branco no recordo azul’, que se poderá visitar desde o día 23 de marzo no Museo de Belas Artes, haberá toda unha serie de actividades para complementar a efeméride. O Quiosco Alfonso tamén será unha das sedes desta homenaxe coa mostra ‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe.

Por outra banda, a Fundación Luís Seoane realizará dúas importantes actividades do programa. En abril, o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación, que centrará a súa edición deste ano no artista. Entre outras cuestións, analizaranse os eixes temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística.

Ademais, desde o mes de febreiro, tamén na Luís Seoane, está a desenvolverse o ciclo de conferencias ‘Protagonistas’, no que se fala de musas, amantes, modelos e investigadoras arredor do universo de Picasso. Haberá unha sesión mensual ata outubro, co obxectivo de amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.

Outra exposición en homenaxe a Picasso será ‘Pablo Ruiz en mí’, de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo.

A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.